viernes, 1 de enero de 2016

"Contos do Ciclo do Soño".

O libro que traio hoxe é unha traducción ó galego de doce relatos de Lovecraft, dentro da Biblioteca Lovecraft da editorial Urco. Unha aposta preciosa feita dende a nosa terra para podermos ler na lingua nai ó mestre do terror cósmico.



A tarde que o comprei, Santiago pasaba baixo nubes de auga e ratos de sol, mostrando a beleza da súa pedra brillante e dispondo a alma ó constraste e a admiración. Seguindo as indicacións de Manu G. encamiñamos os pasos cara a praza de Cervantes, á Libraría Couceiro. Alí escollín, entre tódolos posibles, o volume VII da colección.

Estes relatos teñen as súas notas de parecido e de diferenciación, xa que son escritos en anos distintos e non todos transmiten as mesmas emocións ou se moven nos mesmos escenarios. Once relatos son breves e o último esténdese máis que o precedentes, inda que conecta co anterior, formando una continuación baseada na vida de Randolph Carter e as súas viaxes oníricas. Porque si, o soño é unha constante que nos leva a outra realidade. Aquí esa realidade non é menos tanxible que a tridimiensional da vixilia. Aquí ata é máis real, ábrese a dimensións paralelas das que a nosa é das menores. Seguindo o dito nos dous últimos relatos, a nosa realidade é un corte dunha maior, que forma parte doutra máis grande e abarcante. Así é normal que algúns dos protagonistas, sempre homes, acaban á beira da loucura ou confundan vixilia e sono.

O sono do que se fala soe ser o natural, parte do noso ciclo vital que nos acouga e relaxa, deixando vagar o maxín lonxe das cousas mundanas e prosaicas. Pero debido ó gusto polo visto nel ou polos coñecementos contidos no deambular nouturno, pode desexarse e intentar aumentalo co uso de drogas e manipulalo con maxia arcana. Ata se introduce o uso de obxectos, como é o caso da chave de prata por parte de Carter. O soñar conduce a realidades superiores á nosa, dunha beleza moitas veces inefable pero accesible. De todas, non faltará o mal que acecha ou a cercanía dos Primixenios, ante os que hai que agacharse ou controlar cos símbolos axeitados. Como for, remata sendo un mundo preferible ó visible da vixilia. E non só polo gusto das posibilidades do soñador ou polas belas cidades percorridas ou as historias de mariños siderais. Non, o soño acaba sendo desexado tamén polos coñecementos que aporta sobre o universo, visto como forza omniabarcante azarosa e impredecible, e pola memoria histórica que comparte. Memoria que fala da identidade do que soña. Este regresa á vixilia pero xa non da mesma forma, xa co runrún de algo que se lle escapa, co gusto pola existencia cambiado, desganado. Non nos debe estrañar que o protagonista queira volver á inconsciencia nocturna.

A noite atrae e non unicamente pola posibilidade de soñar senón polo espectáculo estelar. Teño a experiencia da beleza de noites estreladas arrebatadoramente seductoras e das do luar brillante que borra calquera outra presencia no veo nocturnal. Pero, ollo, aquí as estrelas poden resultar aterradoras ó activar a memoria calada de lugares non máis que entrevistos na ensoñación baixo os augoiros do luar pratexado. Cando Lovecraft trate os Mitos inda terán máis importancia que aquí, xa que sinalan lugares e datas propicias para a invocación dos Primixenios e os seus escravos. Nalgún momento, como pasa no cotidiano, sobre todo no mar, constitúen un motivo de alegría e cercanía, ó recoñecer as constelacións que están sobre a terra. Estas chegan a desaparecer tra-la bruma que esconde o mesmo o ceo que a deuses antigos que regresan a escarpados lugares de onde marcharon para non aguantar a presencia humana.
  
Estes deuses, como o universo e as súas forzas, son impetuosos e non teñen en nada ós seres terrenais, desexan o seu espazo sen a molestia dos curiosos e usan pos seus intereses a calquera que se lles poña a tiro. Acercarse a eles supón a loucura como pouco e a morte como algo normal. Porque inda son accesibles, ás veces nunha perdida altura e outras en determinados lugares como un alto sobre o mar. Lugares que o mesmo atraen que repulsan. Xeralmente, pobos, casas, outeiros sobre os que circulan lendas tenebrosas e dos que os lugareños falan pestes ou evitan nomear. Pero non faltará un valente ou un iniciado que suba a esas xeografías que unen o tridimensional co que vive noutras realidades. Hai portas, hai datas, hai conxuros e obxectos que conectan os mundos e nos descubren que non somos simple materia froito do azar e a evolución. Pero a visión do que hai máis aló da vixilia non sempre tranquiliza senón que conleva un cambio de perspectiva, unha desgana polo mundo cotiá, a xente e as relacións. Mesmo pode transmutar a un home nun alieníxena bipolar que el é mesmo pero que loita por ser outro eu, presente xa en si mesmo.

Este libro é unha boa oportunidade de acercarse ó escritor de Providence, afamado solitario do que conservamos preciosos libros de terror, algúns formando parte xa do imaxinario popular ca súa colección de deuses, ritos e libros prohibidos como o infecto Necronomicón.

Se o queres comprar, aquí tes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario