martes, 9 de agosto de 2016

Entrevista a Manuel Gayoso Peña, de la Tropa Korriban.

Hoxe traemos a este espacio a Manu, presidente da Tropa Korriban, esforzado escritor e amable amigo que respondeu á velocidade do raio estas preguntas que lle mandei. Un placer poder publicar tan rápido esta entrevista e darvos a coñecer a un mozo interesante de gustos terroríficos que nolo poder facer pasar de medo.

Adxuntounos unhas fotos para que vexamos parte das súas aficións e poidamos porlle imaxe á palabra. Moitas gracias, Manu.

- Nestes convulsos tempos nos que política e eleccións están na orde do día, ti segues na presidencia da Tropa Korriban. Que, toca aguantar inda moito no posto ou vai tocando porse a disposición da base?

Pois precisamente este ano remata o meu mandato e tocará porse a disposición da base. De todos os xeitos somos unha asociación democrática e todos aportan o que poden, aínda que por dispoñibilidade burocrática e a miña cercanía ao centro de decisión estarei a disposición do que se decida en asamblea.

- Xa van uns anos de historia asociacionista ca Tropa Korriban. A nivel de Galicia hai algunha realidade similar? Que relación tendes con outras asociacións nacionais?

Exactamente dende outubro de 2010. Aínda que hai socios doutras asociacións de Star Wars en Galicia, Tropa Korriban xurdiu precisamente para encher un baleiro, celebrar eventos de temática Star Wars no país co engadido dunha vertente solidaria. A relación con outras asociacións é fluida, sobre todo á hora de participar en eventos conxuntos fora de Galicia, obter información sobre eventos de Star Wars, coordinación, contactos, etc.


- Unha faceta que me chamou a atención positivamente de ti é a de escritor. Algunha cousiña puiden ler. Onde soes publicar? Escribes amparándote no universo expandido de SW ou tratas doutros universos e temas?

É unha aficción coa que comecei fai uns anos. Ata entón os relatos que escribía eran experimentos para consumo persoal e reducido. De momento participo habitualmente con Urco editora e o seu proxecto Contos Estraños, que me permite publicar con facilidade e dar renda solta á miña imaxinación. Sen embargo aínda que toquei varios xéneros, debo dicir que gústame escribir relatos de terror, nos que mesturo elementos enxebres coa temática do horror cósmico do universo creado por Lovecraft, Derleth, Bloch e outros autores. A outro nivel participo en varios foros de xogos de rol, publicando axudas de xogo, suplementos, etc.

- Na presentación do teu relato "Loita de menciñeiros" citas Ourense e as súas terras. Tente feitizado algún recuncho en particular?

A verdade é que nos meus relatos gustame tocar diversas ambientacións: Santiago de Compostela, a Costa de Morte... porén, o meu primo, que é un ávido seguidor de Contos Estraños, insísteme en que ambiente os meus relatos no interior rural de Galicia, e aí a principal referencia que teño é o país de O Riós, nas terras da Raia Seca, onde se afunden as miñas raíces, e de onde teño sacado moita inspiración.

- Como ves o panorama dos escritores galegos noveis? Existen asociacións? Hai editoriais que apostan por vós?

En xeral vexo que a literatura galega está nun período de regresión. É un feito que xa dende antes da crise económica cada ano publícanse menos libros en galego. Os lectores en galego son unha minoría dentro dunha minoría de lectores, nunha sociedade que aposta por outros formatos audovisuais onde o libro perde terreo. E o sistema de subvencións vixente realmente non contribúe a mellorar a situación, pois os recursos terminan indo a parar a proxectos que ao final non repercuten no público.
O positivo é que agora existen novos formatos que permiten a autopublicación ou a divulgación. Existen grupos de autores e tamén algunhas editoras, pero o seu impacto é minoritario ao estar á marxe das grandes distribuidoras e circuitos de venda de libros. Digamos que nestes momentos é máis doado publicar, pero máis complicado conseguir que o lean a un.

- Volvendo a SW, que personaxes soes adoptar nos desfiles e convencións?

Pois adoito vestir con uniforme de oficial imperial, máis que nada por comodidade, xa que me permite actuar con poucas complicacións e axudar aos meus compañeiros chegado o caso. Tamén teño un traxe de morador das areas Tusken que vestín noutras ocasións. E nalgún evento cando foi preciso teño participado como stormtrooper, garda imperial ou cabaleiro jedi.

- E saíndo cara o sempre difícil camiño das recomendacións. Anímasnos a ir a unha librería próxima porque vale a pena pillarse...

Complicado. Agora mesmo estou lendo "Contos do sacauntos. Romasanta o criminal", unha escolma de relatos de varios autores baseados no caso de Manuel Blanco Romasanta, alcumado "O lobisome de Allariz". Tamén recomendaría unha das miñas lecturas recentes, "Negruña", unha distopía futurista de Xosé Duncan. E en castelán "La fuente de las tinieblas" de Aitor Solar, unha escolma de relatos baseados nos Mitos de Cthulhu. En calquera caso, estas son as miñas lecturas recentes, cada lector é un mundo propio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario