miércoles, 7 de septiembre de 2016

Hasta Parada de Sil sen parar alí I.

Os lugares onde lenda e historia se entremezclan nunha preciosa sinfonía que hoxe apenas imos coñecendo e disfrutando están moi preto. Como nun exercicio de supervivencia, habería que seguir os cauces dos ríos para ir dando con moitos deles. Pero non pondo a meta na presunta civilización urbanita senón ó contrario: salindo da cidade, remontar polo afamado Miño e o abondoso Sil de maneira que camiñemos cara fontes prístinas onde refrescarnos de tempos ardentes e deshidratantes. Non só me refiro ós tempos metereolóxicos, ben subidiños de tono estas tardes, senón á épocas nas que vivimos e nos movemos, existindo ás veces pouco máis que como actores que foron postos sobre o escenario para que improvisen, por se aquelo de que algún acaba caendo ben ó respetable. Nas ribeiras deses dous ríos que tanto nos poden dicir, atoparemos restos de tempos fuxidos, de épocas que moitos pensan que só foron escuras, ruinas de construccións ou edificacións que teñen certa vida, inda que alonxada da que as viu aparecer e medrar. 

A Ribeira Sacra é ampla, tendo dou ríos grandes e dúas provincias como camiños xeográficos pateables. Con gozo vou vendo que unha sinxela investigación na Rede dá acceso a bastante información sobre lugares e rutas que un pode acometer sen demasiadas dificultades. Animado polas lendas que fun escoitando e lendo, ilusionado por poder tocar pedras pretéritas e con tempo para unha visita, alá collemos os bártulos unha tarde de non hai moito para escapar do bochorno da antiga Palas Auria e percorrer os km que nos levarían a Xunqueira de Espadañedo e Parada de Sil. Unha tarde chegou para unha ruta calma con poucas pero intensas estacións. Unhas cinco horas onde puidemos disfrutar e ver bastante, mantendo un ritmo áxil para poder chegar a case tódolos sitios que pensaramos. Case todos.

Saíndo de Ourense cara Castrocaldelas, pasa un por Niñodaguia, quedando preto Maceda. E namais saes de Niñodaguia xa tes un desvío á esquerda para meterte en Xunqueira. Non te desvíes da estrada e atoparás o mosteiro, igrexa e claustro. Como soe pasar, a igrexa queda aberta ó público e está pegada ó mosteiro, tendo cadaquén as súas portas distintas. Desta forma, os monxes podería acceder ó templo dende o interior e os fieis vir das súas casas e entrar pola súa porta. Os dous mundos atoparíanse dentro, inda que non se tocase materialmente. A igrexa está hoxe en uso como parroquial e dela chamoume a atención, por exemplo, unhas cabeciñas no teito da entrada, pintadas na madeira. Tamén se aprecian prefectamente diseños xeométricos.


O que é a parte do mosteiro está para concello. Non estaba aberto no momento da visita e non sei se haberá algo que ver destacable. Así que pasamos a ver o claustro. Case todo en pé, sobrio e recio, recordando a austeridade do Císter, con dous curiosos reloxios de sol nunha das paredes, xuntos ambos. O claustro é lugar de recreo e meditación. Alí mídese o tempo como en calquera outra parte do mundo pero pasa dunha forma distinta. Parece que a orixe do lugar é medieval, e quedan restos de románico, pero a construcción que hoxe vemos é alomenos do XVI, cunha fachada de igrexa do XIX.



Continuamos cara Parada de Sil, onde hai que ir con ollo porque a estrada cambia a unha vía na que as curvas aumentan e o camiño estréitase. A sombra das árbores das beiras ofrece un frescor que antes non tes e o espectáculo da natureza gaña enteiro fronte ó dos pobos e construccións humanas.

Ollo que namais chegas xa tes que coller cara a esquerda, onde está sinalizado moi ben o camping dos Castros. Foi a referencia que seguín para localizar logo Santa Cristina de Ribas de Sil. Pouco despois de pasar a capela a san Antón que verás na mesma estrada á dereita, chegas ó camping, onde ben vale a pena aparcar o coche ás súas portas e subir os poucos metros que te levarán a un dos miradores que se reparten polos altos que axexan o Sil.

Dúas pasarelas de madeira dan lugar a outros tanto miradores sobre un río Sil que escavou persistentemente terra e pedra ata facerse un oco polo que estirarse belamente ata bicar o Miño. 


Logo xa pode un pararse aquí a disfrutar desta beleza natural e mirar como pasa algún catamarán. A tarde que fomos corría vento a pesar do soleado e calmo do tempo estival. Un gozo e descanso para os viaxeiros.

Seguindo pola estrada e indo con ollo, comeza un descenso que remata ás portas do monte que cutodia o mosteiro de santa Cristina de Ribas de Sil. O sitio para aparcar é pequeno pero suficiente se non hai moita xente. Esto axuda a sentirse nun lugar tranquilo e afastado do mundanal ruido. Inda hoxe non se sinte máis que a natureza, canto máis daquela.

O daquela non o sabería colocar perfectamente nunha liña temporal. Seica se documenta dende o século IX e hai arte románico con toques góticos pero pregúntome que vida litúrxica florecería alí ata a desamortización do XIX. Queda no aire esa investigación porque non todo é ver o edificado, hai que pensar que servían a persoas que alí rezaron, viviron e construiron. Un lugar recóndito que inda hoxe é bendecido co silencio do bosque e as raiolas dun sol que alí non molesta.


De novo o esquema coñecido de entradas distintas para claustro e igrexa. Desta chamoume a atención a súa altura, os restos de murais, o pé dun arco pintado e algunhas esculturas cercanas ó altar. A sensación é de amplitude cara arriba, de elevación, e sobriedade. Posteriormente, un paseo polo exterior da igrexa iría facendo que a admiración renacese ca cantidade de cabeciñas en pedra, típicas do románico, que dende o alto nos miraban e falaban. Desgraciadamente, hoxe non entendemos todo o que din. E é que o románico é unha arte simbólica que expresa a doutrina cristiá que dende o púlpito se expresaba en verbas. Así podemos entender á xente que nos di que se construiron templos que eran auténticos catecismos pétreos. 

En santa Cristina quedan eses animais, vexetais, figuras grotescas ora cercanas ó animal ora ó ser humano, que seguen advertindo da condenación polo pecado e da beatitude á que chegará a virtude. E os restos murais recordan que o que hoxe é pedra desnuda, onde estivo policromada, chamando máis a atención e expresando máis do que hoxe nos poida sorprender.